XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA PROXECTOS DE INVESTIMENTO EN ACTIVIDADES EMPRESARIAIS NON AGRÍCOLAS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas e se anuncia a convocatoria para o ano 2025, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR708A).

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta convocatoria de axudas, sempre que cumpran os demais requisitos:

a) As pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2024.

b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.

As persoas solicitantes deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2024.

Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos destinados á:

a) Adquisición de bens de equipamento co obxectivo de mellorar, ampliar e/ou modernizar pequenas empresas que desenvolven actividades produtivas non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:

1º. Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

2º. Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios. Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 100.000 €.

3º. Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos agrícolas e forestais, e das empresas de servizos enerxéticos, así como das empresas que presten servizos nos sectores de hostelaría (incluíndo todo tipo de empresas de aloxamento turístico), hostalaría e restauración.

4º. Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola...).

5º. Actividades de lecer, recreativas e deportivas.

6º. Artesanía e actividades artesanais.

7º. Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.

8º. Comercio polo miúdo.

 A axuda será do 45 % dos gastos subvencionables.

Quedarán excluídos aqueles proxectos que presenten un orzamento elixible inferior a 20.000 € e/ou superior a 250.000 €.

No caso de proxectos promovidos no sector da artesanía, os límites anteriores quedan establecidos en 5.000 € e 100.000 €, respectivamente.

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioO90-261224-0001_gl.pdf