A XUNTA HABILITA A ACTIVACIÓN DO CARNÉ XOVE

21. 06. 22

As mozas e mozos galegos poden activar o Carné Xove tamén por vía electrónica. A Xunta de Galicia habilita un formulario na rede para que aqueles que reciben a tarxeta por primeira vez e non poden desprazarse para activala, poidan facelo desde a súa casa. De igual xeito, os 36 puntos de activación presenciais seguirán dispoñibles.

Se a activación se fai a través da rede, os/as novos/as usuarios/as que recibisen o carné xove no seu domicilio deberán cubrir un formulario cos seus datos. No paso duns días recibirán o código de identificación EYCA (European Youth Card) ao correo electrónico de referencia. Unha vez recibido, deberase anotar o código manualmente na tarxeta, en concreto, no apartado número de carné.

É preciso destacar que este número de identificación, persoal, é necesario para desfrutar das vantaxes que ofrece este carné tanto na comunidade galega como en España ou nos resto de países da Unión Europea.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia está a enviar aos máis de 400.000 mozas e mozos galegos de entre 12 e 30 anos esta tarxeta de xeito gratuíto aos seus fogares. Aqueles que con anterioridade ao envío xa tiveran o carné, simplemente recibirán un novo coa imaxe actualizada da tarxeta e xa estará listo para utilizar. Aqueles que non tiñan Carné Xove deberán activalo, ben nalgún dos 36 puntos habilitados en toda a Comunidade ou ben por vía electrónica.

Enlace ao formulario para activación electrónica: http://xuventude.xunta.es/carnes-para-a-mocidade/carne-xove/solicitude-da-activacion-do-carne-xove