DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA O PROGRAMA LECER EN FAMILIA

24. 10. 31

EXTRACTO DO ACORDO DA XUNTA DE GOBERNO DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA, DE 3 DE MAIO DE 2024, POLO QUE SE APROBAN A CONVOCATORIA E AS BASES DO PROGRAMA “LECER EN FAMILIA” 2024, MODIFICADAS POSTERIORMENTE NAS XUNTAS DE GOBERNO DO 6 DE SETEMBRO DE 2024 E DO 18 DE OUTUBRO DE 2024

A finalidade do programa é reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia que permita desconectar do estrés diario e gozar dun lecer de calidade en familia, reactivando emocións positivas para todos os seus membros, a través de actividades destinadas a mellorar a comunicación familiar; fomentando a diversión compartida e a construción de recordos; e desenvolvendo a autoestima e a autoconfianza, á vez que favorece o desenvolvemento da autonomía.

Presentarase unha única solicitude por unidade familiar.
 
As 2.957 prazas ofertadas estarán repartidas nas seguintes modalidades:
• 2.907 prazas de réxime xeral: a Deputación subvencionará 60 euros do custo total da praza para as persoas maiores de 12 anos e 30 euros para as de 3 a 12 anos (estas incluídas).
O prezo das prazas destas e estes menores será o 50 % do prezo da praza de persoa adulta ou maior de 12 anos, mentres que as e os menores de 3 anos irán de forma gratuíta.
 
• 50 prazas de réxime especial: a Deputación subvencionará o 100 % do prezo de adxudicación.
 
Poderán ser beneficiarias todas as persoas integrantes dunha unidade familiar con menores a cargo que teñan a súa residencia na provincia de Pontevedra.
 
Ademais do anterior, os membros da unidade familiar que desexen participar deberán acreditar o parentesco ata o primeiro grao por consanguinidade e/o afinidade coa persoa solicitante e estar empadroados no mesmo domicilio. Exceptúase o requisito de empadroamento no mesmo domicilio no caso de familias que acrediten unha situación de separación ou divorcio legal. Para os efectos destas bases, enténdese por unidade familiar a formada pola persoa ou persoas adultas, fillas e fillos ou maiores que convivan de maneira permanente ou temporal coa persoa solicitante.
 
Así mesmo, terán a consideración de fillas e fillos aqueles que estean en situación de garda con fins adoptivos e en acollemento familiar. As persoas interesadas deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:
 
• Non padecer ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade do programa.
• Non padecer alteracións de comportamento que poidan perturbar a normal convivencia nos establecementos nin enfermidades con risco de contaxio.
• Poder realizar as actividades elementais da vida diaria de forma autónoma. No caso de persoas con discapacidade con necesidade de asistencia dunha terceira persoa, será un membro da propia unidade familiar quen prestará os coidados necesarios. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas solicitantes nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
 
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o 8 de novembro de 2024 e finalizará o 22 de novembro de 2024.