SALARIO MÍNIMO INTERPROFESIONAL.QUE É, CANTO SUBE E A QUEN BENEFICIA?

24. 05. 07

O Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para 2024 sitúase en 15.876 euros anuais distribuídos en 14 pagas de 1.134 euros, co que acumula un incremento do 54% desde o ano 2018. Uns dous millóns e medio de traballadores e traballadoras beneficiaranse desta medida.

Coa nova subida do SMI, as persoas traballadoras percibirán 5.573 euros máis ao ano que en 2018.

As empregadas e empregados de fogar que traballen por horas percibirán, polo menos, 8,87 euros por cada hora.

Que é o Salario Mínimo Interprofesional? É a contía retributiva mínima que percibe o/a traballador/a referida á xornada legal de traballo.

Regúlao o Goberno anualmente, previa consulta coas organizacións sindicais e as asociacións empresariais máis representativas.

No salario mínimo compútase unicamente a retribución en diñeiro.

Este salario enténdese referido á xornada legal de traballo en cada actividade. Se se realizase xornada inferior percibirase a prorrata.

Cal é a contía do Salario Mínimo Interprofesional en 2024? O Consello de Ministros aprobou o 6 de febreiro de 2024 a subida do Salario Mínimo Interprofesional para 2024 nun 5%, tras o acordo alcanzado coas organizacións sindicais.

Para todas as actividades na agricultura, a industria e os servizos, sen distinción de sexo nin idade dos traballadores, queda fixado en 37,8 euros brutos ao día, ou 15.876 euros brutos anuais distribuídos en 14 pagas de 1.134 euros. Esta cifra supón un incremento de 54 euros mensuais en 14 pagas, é dicir, un total de 756 euros anuais.

O Salario Mínimo Interprofesional é neto ou bruto? O Salario Mínimo Interprofesional refírese ao salario bruto das persoas traballadoras.

Os 1.134 euros mensuais en 14 pagas representan o total de pagamentos da nómina, e en caso de estar prorrateadas as pagas extras, serán 1.323 euros mensuais en 12 pagas.

Cal é o salario mínimo de eventuais, temporeiros/as e empregadas/os do fogar? O salario das persoas traballadoras eventuais, así como as temporeiras cuxos servizos a unha mesma empresa non excedan de 120, non pode ser inferior a 53,71 euros por xornada.

No caso de empregadas e empregados do fogar que traballen por horas, o salario mínimo será de 8,87 euros por hora efectivamente traballada.

A subida do SMI ten efectos retroactivos? Si. O incremento que se aprobe en Consello de Ministros aplicarase con carácter retroactivo ao 1 de xaneiro de 2024.

Canto subiu o SMI nos últimos anos? Na anterior lexislatura, o Goberno elevou o Salario Mínimo Interprofesional desde os 735 euros ata os 1.080 en 2023, un incremento do 47%.

Coa subida do SMI acordada para 2024, o SMI increméntase nun 54% desde 2018. Esta cifra supón un incremento de 54 euros mensuais en 14 pagas, é dicir, un total de 756 euros anuais.